Thursday 25 de April de 2024

Máis de 120 persoas participaron no programa “Goza do Ulla” e percorreron os 10 km entre Sucira (Boqueixón) e Agronovo (Vedra)


Estrearon a unión da ruta dos Pescadores (Boqueixón) e San Xoán da Cova (Vedra) realizada a través dun campamento ambiental celebrado este verán

Máis de 120 persoas participaron este domingo na ruta de sendeirismo “Unindo roteiros…ao pé do Ulla”, unha iniciativa incluída dentro dos programas “Goza do Ulla” e “Correntes do Ulla”. Os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, sumáronse á iniciativa, que percorreu os 10 quilómetros que separan as áreas recreativas de Sucira (Boqueixón) e Agronovo (Vedra).

Unha camiñata na que “estrearon” a unión da ruta dos Pescadores de Boqueixón coa ruta de San Xoán da Cova en Vedra, realizada por mozos e mozas de ambos os dous municipios e que participan nun campamento medioambiental e de dinamización. Unha iniciativa dos Concellos de Boqueixón e de Vedra que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Esta mesma semana pecharase o programa “Correntes do Ulla” con dúas sesións da Escola de Pesca en Río dirixidas a nenos e nenas de entre 10 e 13 anos. Unhas sesións que serán impartidas por David Arcay, campión do mundo de pesca de mosca, quen introducirá á rapazada no mundo da pesca sostible e a concienciación coa natureza. As clases terán lugar o mércores 27 de xullo na área de recreo de Agronovo e o xoves 28 de xullo na área de recreo de Sucira, de 10:00 a 13:00 horas.